Wednesday 24 de April de 2024

O Pleno de Frades aproba por unanimidade solicitar xunto a Ordes e Mesía un obradoiro de emprego de case 400.000 euros


 

O obradoiro “Brañas do Illó-Río Samo III” formaría a 20 persoas desempregadas en repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte

O Concello de Frades celebrou esta tarde unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobou por unanimidade solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria unha subvención de 346.946 euros para desenvolver o obradoiro de emprego “Brañas do Illó-Río Samo III”, promovido polos concellos de Frades, Mesía e Ordes. Unha iniciativa que formará a 20 persoas desempregadas, durante 9 meses e outros 3 de prácticas en empresas, nas modalidades de repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte.

O proxecto conta cun orzamento inicial de 399.872,81 euros, dos que 52.926,81 euros serán achegados polos tres concellos participantes: 28.582,83 euros Ordes, 13.676,83 euros Frades e 10.666,15 euros Mesía. O Concello de Ordes será a entidade encargada da xestión do proxecto, que formará a un total de 20 persoas desempregadas (10 de Ordes, 5 de Frades e outras 5 de Mesía) durante un período de 9 meses, máis 3 meses nos que poden facer prácticas nas empresas que colaboren co obradoiro e ás que a Xunta de Galicia subvencionará 500 euros por cada alumno/a durante 3 meses.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, adiantou os traballos que acometería o alumnado deste obradoiro incluirían traballos de mellora e posta en valor das áreas recreativas do municipio (Ponte Carballa en Abellá, A Presa en Ledoira, O Muiño de Céltigos e Os Pasos de Aiazo), así como as contornas dos distintos locais sociais das parroquias e lugares como a piscina municipal (Papucín), as prazas de Moar, os campos de fútbol de Vitre e Ponte Carreira, o punto limpo Frades-Mesía (Céltigos), a contorna de San Nicolau (Frades), así como fincas de acceso á instalacións municipais como as depuradoras, entre outras actuacións.

Resto da sesión

Ademais das actas da sesión anterior, o pleno aprobou tamén unha corrección dun erro no documento de aprobación da liquidación do exercicio de 2018 no que se alertaba dunha inexistente inestabilidade financeira cando a realidade é que arroxa un saldo positivo a favor do Concello. Así, tras considerar, entre outros, as devolucións das Participacións nos Tributos do Estado, a capacidade de financiamento é de 5.970,33 euros, cumpríndose así a estabilidade orzamentaria polo que non é precisa a elaboración dun plan económico financeiro.

A corporación acordou tamén adiantar ao sábado 7 de marzo, ás 12:30 horas, a data prevista para o pleno ordinario de marzo, inicialmente previsto para o venres 13 de marzo. A razón desta adianto é para evitar ter que convocar dúas sesións plenarias, xa que a corporación está obrigada a celebrar un pleno para a eleccións das mesas electorais entre o 7 e o 11 de marzo.